Pages

A la derecha tenéis un traductor. Eskuinera itzultzaile bat duzue. A la dreta teniu un traductor. À direita tendes um tradutor. To the right have a translator.

El último héroe

Heroísmo nonaxenario Vs heroísmo (in)voluntario.


Segundo a numeroloxía o 27 é o número afortunado que dá valentía e poder; diso mesmo trata a vixésimo sétima novela de Discworld, de valentía e poder, pero pasadas ámbalas dúas calidades pola peneira da retranca e o humor absurdo.
Nela poderemos ver unha “horda” de nonaxenarios guiados polo derradeiro heroe (Cohen o bárbaro), que planean devolverlle ós deuses o que o primeiro heroe lles roubou. O malo é que pensan facelo con intereses e ese é o problema, posto que, de levalo a cabo, destruirían o mundo. Para evitalo a cidade de Ankh-Morpork envía a tres persoas (ás que se lle suma un polisón) nunha tola misión. Isto ha grandes trazas é o asunto da cuestión.
Nesta novela Terry Pratchet non está só, faise acompañar da arte de Paul Kidby (ver entrevista abaixo) nesta viaxe ao longo do Mundo Disco. A obra non estaría completa sen o traballo de Kidby, Como di Sir Pratchett “algunhas partes están escritas na pintura”. Como imaxinarse o traballo de Leonardo de Quirm ou incluso o final da obra sen ollalas? Non poderiamos, e é que, aquí, ámbolos dous autores traballan en conxunto, cubrindo un os “silencios” que o outro deixa.
O autor volve ó seu estilo máis sinxelo dos seus primeiros escritos sobre a serie, o cal non é malo para nada, ao contrario, fai que a obra se poida ler dun tirón sen romper moito a cachola.

Nesta novela podemos ver a meirande parte de personaxes que fixeron famosa esta colección (bótanse en falla as meigas) por o cal non che é a mellor para iniciarse neste tolo mundo posto que moitas referencias vanse perder. Non por iso débese desistir, por que, só abrilo, vai facer que moitos queiran coñecer todas as historias que o preceden.
Atópolle dous peros ha este libro editado por Plaza Janes: Faise moi corto, moi moi corto, pero grande parte disto o ten o enormemente divertido e aditivo que é, a outra é a portada. Das tres portadas que teñen as edicións británicas foron a escoller a máis "fea" ( e subliño que puxen fea entre aspas), con todo, este fallo é sinxelamente reparable en próximas edicións que, de seguro van chegar.

FICHA DE PUBLICACIÓN

EL ÚLTIMO HÉROE


AUTORIA------------ Terry Pratchett

ILUSTRACIÓN----- Paul Kidby

EDITORIAL--------- Plaza Janes (http://www.megustaleer.com)

COLECCIÓN---------Discworld

ANO DE EDICIÓN-2009

PAXINAS-------------176

A PARTIR DE-------14 años

ISBN------------------- 978-84-01-33735-2

Paul Kidby é, por méritos propios, un grande ilustrador de fantasía, o feito de que moitos o coñezan case exclusivamente pola súa relación con Discworld non quere dicir nada, é só a punta dun iceberg. Súa obra é fantástica, si, pero conserva ese grado científico que a fan totalmente crible. Chega con ver a súa galería para facerse unha idea da xenialidade deste home, e chega con falar un pouco con el, para decatarte de que este Ex-protesicodental (profesión da que di "foime práctico para traballar proxectos tridimensionais.") e mal estudante é boa persoa. Imaxínomo celludo ó ler o correo no meu pésimo inglés, sorprendido intentando descifrar o xeroglífico que lle acaba de chegar, e, a pesares de todo, aceptar a entrevista. Penso que miñas preguntas requiren estar á altura de tanta xenialidade...E por que non, eu tamén fun mal estudante. Así que...Imos alá

Colixu: Esta pregunta é a primeira que sempre fago, quizais esteas cansado de ouvila pero por que empezaches a ilustrar en detrimento de un traballo tan estable como técnico dental?

Paul Kidby: Sempre foi importante para min ter un traballo creativo, e para empezar facer próteses dentais era o máis preto que podía estar dun traballo creativo! Despois traballei nunha fábrica pintando persianas, e deseñei cartóns de felicitación. Cada paso estaba un pouco máis próximo ao meu soño de ser un artista.

Colixu: Caixas de vídeo, vídeo xogos, portadas de revistas para Future publishing e por fin Mundo disco.
Supuxo un gran cambio traballar case en exclusiva na obra de Sir Pratchett?

Paul Kidby: Comecei a traballar exclusivamente para Discworld en 1995 e fíxeno tan só por 10 anos até 2005. Entón comecei a coller outros encargos e a traballar nos meus propios proxectos.

Colixu: Poderías contarnos unha anécdota boa e outra non tan boa do teu traballo para esa saga?

Paul Kidby: Cando lin os primeiros libros de Discworld debuxei algúns bosquexos dos personaxes. Entón fixen cola onde Terry presentaba e asinaba un libro. Non tiña nin idea de que el era así de popular, e esperei dúas horas para chegar até el. Deille os meus debuxos e pensei que non ouviría nada máis sobre el. Foi unha sorpresa recibir unha chamada de teléfono algunhas semanas máis adiante cunha oferta de traballo! Unha anécdota menos feliz é que, cando debuxei por primeira vez a Ponder Stibbons, Terry díxome que non conseguira o carácter correcto. El dixo que eu o debuxara demasiado como John Lennon e Terry víao máis ben como Bill Gates, así que refíxeno.

Colixu: A túa primeira portada para Mundo disco foi a de Nigt Wacht que, persoalmente, paréceme a mellor das que fixeches, cal é para ti a mellor?

Paul Kidby: Non teño unha favorita. Cada anaco do que fago é especial para min nese momento.

Colixu: O tapiz de Beyaux, O berro de Munch, A creación de Adán de Miguel Anxo... O libro ( El último héroe) está cheo de referencias a obras clásicas son tan necesarias? Por certo , Ponder Stibbons paréceseme a Harry Potter.

Paul Kidby: Si as circunstancias permíteno eu gozo facendo parodias de pinturas ben coñecidas. Teño gran respecto por moitos artistas e é unha maneira divertida de facer unha homenaxe aos seus talentos. Pois, como xa che dixen baséase en Bill Gates, non en Harry Potter que non era coñecido naquel momento (debuxeino en 1995).

Colixu: Falo case máis de Discworld que de ti, que pensas de que case se che relacione en exclusiva con esa obra?

Paul Kidby: Quero ser recoñecido como un artista e ilustrador polo meu propio mérito mais que un artista de Discworld. É importante para min traballar noutras áreas e crear os meus propios proxectos que non teñen relación con Discworld.


Colixu: “Lle Royaume enchanté” é a tua ultima obra, fálanos dela. Crees que sairá en España?

Paul Kidby: Le Royaume Enchanté é un proxecto moi persoal e especial para min. Creeino coa miña esposa Vanessa e fomos afortunados ao traballar cun editor francés marabilloso, Daniel Maghen. Espero volver a este tema un día. Foi tamén un pracer para min coñecer ao talentoso artista español Guillermo González que ilustrou L'univers deas Nains tamén con Daniel Maghen. Espero moito o día en que vexamos as edicións inglesa e española do libro, polo momento tentamos atopar a un editor disposto.

Colixu: Vendo os teus traballos dá a impresión de que es un namorado da fantasía, é así ou comercialmente pensas que non queda máis remedio?

Paul Kidby: Gozo ao crear ilustracións de fantasía cunha sensación histórica. gozo usando a miña imaxinación e son afortunado de poder traballar neste campo como ilustrador comercial.

Colixu: Si queres, e podes, cóntanos algo dos teus próximos proxectos, tanto persoais como relacionados con Discworld.

Paul Kidby: Este ano creei as novas ilustracións de cuberta para a serie de libros de Tiffany e Amazing Maurice, tamén acabo de terminar o novo deseño da capa para a nova novela de Discworld que debería ter a súa publicación británica este outono. Agora estou a traballar nun calendario de Paul Kidby Discworld para 2012. Ademais disto estou a crear os cartóns de comercio para o mundo de Warcraft e teño en marcha un proxecto dos meus propios libros.

Colixu: Ilustrarás un texto infantil algunha vez? ( e cando falo de infantil refírome a primeiros lectores 3 anos en diante)

Paul Kidby: Teño unha idea para un libro de nenos e gustaríame levala adiante co meu editor francés Daniel Maghen, é todo unha cuestión de tempo! Polo momento estou demasiado ocupado con outros proxectos para concentrarme en novas ideas.


Colixu: Acabas de recibir un texto no que empezas a traballar, como o fas?

Paul Kidby: Recibo xeralmente un escrito dos editores cando comezo unha cuberta dun novo libro, este abra sido resumido polo director de arte, o redactor, mercadotecnia ou mesmo o propio Terry. Os meus bosquexos preliminares entón teñen que ser aprobados e emendados antes de que vaia a dar cor.

Colixu: Recoméndanos un álbum de literatura infantil ou xuvenil

Paul Kidby: Teño unha colección grande de libros ilustrados para nenos, a miña esposa estívoos gardando desde a súa nenez. Algúns dos nosos autores favoritos son: Shaun Tan especialmente o seu travallo "The Arrival" (en España "Emigrantes"). O traballo de Agata Kawa “Tigre lle Dévoué”.. Tamén penso que a escritura de Michael Morgurgo e de Roald Dahl é marabillosa.

Colixu: Só quédame agradecer o tempo que perdiches con estas preguntas e esperar que gozases respondéndoas tanto como eu facéndoas. Grazas, mil grazas.

Paul Kidby: Grazas a ti por este interese que me honra en min e o meu traballo. Recordos a ti e os teus lectores. Paul


As imaxes son propiedade e Copyrigth © de Paul Kidby e mais as editoriais Plaza Janes (http://www.megustaleer.com)por a versión española e de doubleday http://doubleday.knopfdoubleday.com/) por a versión britanica de Discworld, e de   Editions Daniel Maghen (http://www.danielmaghen.com) por Lle Royaume enchanté.





btemplates

2 comentarios:

UnoCosa dijo...

hiya! thank you for stopping by and left wonderful words ... it meant alot coming from you! i amdire your illustration, so stylish and story-telling .... xx

An dijo...

Thanks UnoCosa