Pages

A la derecha tenéis un traductor. Eskuinera itzultzaile bat duzue. A la dreta teniu un traductor. À direita tendes um tradutor. To the right have a translator.

Papá Oso


Seica o estrés non é cousa de nenos?

Non é, penso eu, un tema sinxelo o que toca este libro. De todos xeitos a súa autora é quen de facelo dun xeito delicado e entrañable. Poñendo ó lector na mesma perspectiva dun neno que se preocupa por o que lle acontece ó seu pai, á fin de contas ós nenos vai dirixido.

E iso é o interesante desta obra da editorial A buen paso. É capaz de dirixir un tema que para algúns pode resultar moi polémico e violento como para facelo chegar ata os cativos. Grazas a deus esta obra escapa á “corrección política” que xa chega a uns estremos absurdos. Os nenos precisan que se lles fale de todo. Esa é basicamente a grandeza de Papá Oso. Trata a violencia que produce un mal tan actual dun xeito sutil.

Salvando as distancias paréceseme este Papá Oso de Cecília Eudave a Ola, estúpido monstro peludo! de Fina Casalderrey. É unha auténtica xoia e as ilustracións de Jacobo Muñiz fano aínda máis marabilloso.

O ilustrador, cunha técnica moi persoal mestura de collage e trazos fortes, logra subliñar o texto conseguindo dese xeito facer aflorar sensacións que este non facía máis que suxerir.

Resumindo: Un libro que nos fala dun tema “escabroso”, dende unha perspectiva fácil de entender por os cativos e que, inda por riba, suxírelles que eles poden facer de nós “xente” mellor. Sumémoslle a xa comentada e fantástica labor de ilustración e só nos queda, exacto, unha marabilla. Altamente recomendable.


FICHA DE PUBLICACIÓN


Papá oso


AUTORIA------------ Cecília Eudave


ILUSTRACIÓN----- Jacobo Muñiz


EDITORIAL--------- A buen paso (http://abuenpaso.blogspot.com)


COLECCIÓN---------


ANO DE EDICIÓN-2010


PAXINAS-------------48


A PARTIR DE-------6 anos


ISBN------------------- 978-84-937211-5-2


De constancia e evolución

Jacobo Muñiz parece, por desgraza non o coñezo en persoa, un deses ilustradores que ten tinta e cor nas súas veas en troques de sangue. Defínese autodidacta e nada máis empezar na profesión que agora lle ocupa o tempo conseguiu o Premio de Ilustración Infantil Pura e Dora Vázquez (2004) ó que seguiron unha mención especial en el Premio Lazarillo (2005) e o Premio Internacional de Ilustración José Segrelles (2005) o cal é xa garantía da súa calidade. Dáme a min que é un home capaz de todo, incluso de responder as miñas preguntas, así que imos aló.


Colixu: Para empezar unha pregunta tópica e que sempre fago. Por que empezaches a ilustrar? A que te adicabas antes?

Jacobo: Pois como case todos os que nos adicamos a isto, debuxo dende que teño uso de razón e nunca deixei de facelo. O salto chegou tras unha destas casualidades da vida que marcan o desenvolvemento dos acontecementos futuros. A miña irmá Ruth traballou nun parque de aves de presa. Alí coñeceu a un afeccionado ás rapaces que ilustraba libros para cativos. Chamábase Gusti (si, o Gran Gusti, pero entón eu non o coñecía). Contábame das conversas co seu amigo sobre a profesión e vin nesas reflexións unha forma fascinante de darlle sentido á enerxía que poñía eu de xeito un tanto aleatorio nos meus debuxos. Pero a cousa quedou aí e non foi ata uns anos despois que decidín seguir o camiño que aquelas ideas gravaron na miña mente. Polo medio, adiqueime á música e a traballar en axuda a domicilio, tarefa coa que aprendín moito da vida.

Colixu: Pódese dicir que chegaches á ilustración cun pan debaixo do brazo, ou mellor dito con un Pura e Dora Vázquez. Influíu en algo respecto o teu traballo este premio?


Jacobo: Influíu. Pero non na difusión do meu traballo caraao mundo editorial, que foi nula, senón máis ben dende o punto de vista da propia confianza no que facía. Daquela pensaba que gañar un concurso era sinónimo de calidade obxectiva da obra seleccionada e iso axudoume a eludir e a mirar un pouco por riba do muro da miña autocrítica suicida e a atreverme a traballar pese ás dúbidas sobre o que facía.


Colixu: Vendo Alende e vendo o teu traballo actual penso que a túa evolución é vertixinosa. Como a ves ti?

Jacobo: Bo, máis que vertixinosa, eu diría natural. Natural no sentido de que é o froito da adquisición de coñecemento a partir da experiencia. Cando empecei non sabía nada. Tiña certa habilidade para debuxar e facer cousas que outros xulgaban “bonitas”, sen máis profundidade. Agora sei un pouquiño máis e cando un aprende cambia nun sentido ou noutro. Como estou nunha etapa do aprendizaxe na que aínda descoñezo case todo o que hai por diante contemplo todas as posibilidades con voracidade, como un xeito de aprender e de satisfacer a curiosidade. Ese é o motivo, despois da miña necesidade case que fisiolóxica de non repetirme, polo que non cingo a miña obra a un estilo. Quizás o cambio constante dea a sensación dunha evolución rápida, pero en realidade o camiño percorrido non é recto, máis ben está cheo de curvas.

Colixu: Poderíasnos explicar un pouco teu actual xeito de traballar? Defire moito do que utilizabas cando empezaches?

Jacobo: Defire en canto que hoxe penso no que fago, e aspiro a ir pensando cada vez máis. Unha particularidade miña, tal vez un erro, é que non uso ningún caderno para recoller bocexos nin ideas acerca do proxecto que teño que desenrolar. Todo o proceso previo prodúcese na mente, de xeito que hei de confiar na miña memoria. Penso e non paro ata que atopo un fío narrativo e visualizo dun xeito xeral a imaxe do libro. A partir de aí, vou na procura das ilustracións que se adapten a esa imaxe mental. Ese proceso ven determinado, no meu caso, pola técnica dixital e a súa posibilidade infinita de corrección polo que tampouco fago bocexos ou estudos previos para cada debuxo. Gústame ver como os aspectos imprevistos ou accidentais de cada ilustración guían o desenrolo das seguintes e modifican a idea previa. Cun traballo totalmente bocexado a priori isto non sería posible. Por iso, cando os editores me piden que lles envíe previamente o libro bocexado, dáme moita rabia e non o paso tan ben coma cando o aleatorio está máis presente.

Colixu: Sei que tamén fixeches ilustracións para libros de texto. Parécenche máis esixentes que un relato? Séntesche cómodo con eles?


Jacobo: Facer libro de texto, para min, ten un interese creativo nulo e xérame problemas éticos a cotío. Traballo neles só por motivos económicos, xa que é imposible, polo menos no meu caso, vivir facendo álbums ou un tipo de ilustración máis artística. Aínda que en teoría os libros van destinados aos cativos, a meirande parte das veces teño a sensación de que a prioridade real do mundo editorial non é a calidade pedagóxica do produto. Semella máis ben estar en que os libros sexan do gusto dos mestres, de xeito que a calidade dos libros ven determinada pola calidade media do profesorado. Eles son os que van escoller o libro que seguirán os seus alumnos, e xa se sabe que quen manda é o mercado.

Colixu: Falando xa de Papá Oso. En ningún intre se ve o corpo enteiro do pai, só se insinúa coa súa sombra, o cal me parece un bo recurso, por que é un recurso narrativo, non si? Como chegas a el?

Jacobo: Despois de darlle moitas voltas aos miolos buscando o aspecto do pai metamorfoseado, e tras materializalo no papel, cheguei á conclusión de que non debería aparecer. A elección vai en relación coa idea de darlle un toque de misterio extra ao relato e tamén co desexo de atopar o punto de encontro ideal entre a interpretación do texto que fai o ilustrador e a do que ten o libro entre as súas mans. O obxectivo non é outro que a procura dunha visión “en equipo” da obra, única en cada caso.

Colixu: O libro trata sobre do estrés e as súas consecuencias. Sentícheste identificado nalgún momento nesta obra? Canto de ti podemos atopar nas túas ilustracións?

Jacobo: Sentinme. Supoño que, como integrante dunha sociedade tola que non deixa tempo nin para criar aos nenos e que coroa como reis aos aspectos secundarios da vida, no libro pódese atopar tanto de min coma de calquera que viva inmerso nela, de aí as fotos que aparecen nas gardas.

Colixu: Ollando o teu traballo hei dicir que a tipografía cobra un protagonismo pouco usual. Es un “namorado” dela?

Jacobo: Penso que é un aspecto fundamental en calquera deseño e determina a calidade final do conxunto, pero son un ignorante na materia. As tipografías falan, pero non teño a sorte de coñecer ben a súa lingua máis aló do que a intuición me deixa comprender.

Colixu: Adiántanos un pouco dos teus novos proxectos si podes. Para cando un texto teu? Ou mellor dito, xa tes editor para el violín de Pazlús?

Jacobo: Pois ando moi ilusionado cun álbum sobre Duchamp. A tarefa de documentación permitiume descubrir a unha personaxe admirable pola súa liberdade de actuación. Agora o reto está en que as miñas ilustracións garden fidelidade ao seu espírito.

No que se refire a un texto meu, agás o caso que citas, non teño ningún con dignidade de abondo para ser publicado. El violín de Pazlús
é un vello proxecto persoal que reformei hai pouco e que vai publicar unha pequena editorial,
Syllabus, ao longo deste ano. Estou contento polo entusiasmo que puxo nel a editora e, sobre todo, porque unha boa parte dos beneficios vaise destinar a proxectos de cooperación. E este feito sona en íntima consonancia coa mensaxe do libro.

Colixu: Non te enredo máis que es un home ocupado, pero outro paso obrigado nestas “entrevistas” é que o entrevistado nos recomende un álbum de literatura infantil ou xuvenil. Anímaste?


Jacobo: Pois ante tan difícil pregunta vouche responder co título do libro que máis me impactou neste último ano. Aínda que saíu hai tempo xa, non foi ata hai uns meses que tiven ocasión de cruzarmo no camiño: Emigrantes, de Shaun Tan. Dende as súas páxinas agroman sensibilidade e intelixencia en estado puro.


Colixu: Grazas Jacobo por o tempo que perdiches en responder esta preguntas. Agardo que o éxito siga o teu carón. Apertas.


Jacobo: Non perdín o tempo. Responder preguntas, ou intentalo, é sempre unha ganancia. Grazas a ti.


As imaxes son propiedade e Copyrigth © de Jacobo Muñiz ( http://jacobo-muniz.blogspot.com/) e das editoriais correspondentes.


btemplates

0 comentarios: