Pages

A la derecha tenéis un traductor. Eskuinera itzultzaile bat duzue. A la dreta teniu un traductor. À direita tendes um tradutor. To the right have a translator.

A avoa do nobelo Branco

Primeiro unha declaración de intencións.
Este caderno non nace coa intención de sentar alicerces na literatura infantil e xuvenil... que é aspirar a moito para nós, e tampouco pretendemos facer unha selección das mellores obras, tan só queremos mostrar como son algúns dos libros infantís e xuvenís que lemos. Certo é que esta en mans de todos aumentar o numero de lectores infantís e xuvenís e esta nas mans dos editores afianzar a estes lectores con bos traballos. Se nosa labor serve tamén para iso, mellor que mellor, se non, agardamos que polo menos pasedes un bo intre e coñezades algúns bos libros. Grazas por pasar  


E agora ó allo.

A meirande parte dos libros infantís teñen unha función “educadora” , diso non pode fuxir tampouco “A avoa do nobelo branco” pero do que si fuxe, é dos temas habituais. Pode parecer, nada máis abrilo, que é un libro que so pretende ensinarnos que a xente maior é xente á que temos que escoitar e respectar, pero vai máis aló, ou iso penso eu, ensínanos a seguilos querendo cando non están fisicamente, por que seu legado é todo o que puidemos escoitar deles.
É pois unha louvanza a oralidade, a sentarse arredor dunha cadeira de vimbio, dunha avoa co pelo branco coma un nobelo de la, e escoitar as mil historias que o tempo nos trae de mans dos nosos maiores para que, nós, no futuro, sexamos tamén portadores destas lembranzas herdadas, tal como amosa o remate do libro. O mellor é que o autor, Paco López, nárrao cunha gramática sinxela, facendo o texto cotián e accesible a cativos de menos idade que a inicialmente recomendada, incluso no intre final que, de narralo de outro xeito, podería ser chocante para os cativos. Estes, hanse de facer logo moitas preguntas que darán pé a seguir falando máis aló do remate do texto.
 A avoa do libro é a avoa de todos e Krize (Kristina Sabaite, abaixo esta a súa entrevista) dálle vida nunha historia que quita ferro á morte, conseguindo amalgamar co seu traballo texto e imaxe. As súas texturas e a súa liña, moi persoal e atractiva, fan deste libro unha obra moi interesante e recomendable, ó menos que soltes bágoas con facilidade e non che interese facelo.

FICHA DE PUBLICACIÓN

A ABOA DO NOBELO BRANCO

AUTORIA------------ Paco López Barxas

ILUSTRACIÓN----- Kristina Sabaite

EDITORIAL--------- Baía edicións (http://www.baiaedicions.net/)

COLECCIÓN---------Xiz de cor

ANO DE EDICIÓN-2009

PAXINAS-------------32

A PARTIR DE-------6 anos

ISBN------------------- 978-84-92630-29-5


De avoas, nobelos e texturas da vida

Kristina é unha ilustradora sempre chea de sorpresas, como ven podedes ver no seu caderno (http://kristinasabaite.blogspot.com/) ou na súa tenda en "Etsy" (http://www.etsy.com/shop/krize) Tivo o seu berce en Kaunas, Lituania, non importa cando, o feito é que agora reside en Galiza onde da renda solta a súa arte.
A conversa empeza cun afectuoso saúdo, como merecen todas as boas amistades, e pasamos de falar de aboas a falar de cans, e de cans a Lituania, e, de Lituania, a literatura. O outro lado da pantalla entrevexo o sorriso de Krize.

Colixu: Por que empezaches a ilustrar?

Krize: Empecei porque ilustrar libros infantís sempre era o meu soño. Era o meu soño da infancia, cando pensaba na profesión máis guai do mundo - a resposta era "ilustrar libros infantís"; o que pasa que despois elixín profesións "serias", que non me serviron de nada e non me enchían e volvín dedicarme á ilustración.

Un monigote cun enorme sorriso corrobora o que eu pensara o comezar a falar
Colixu: Deduzo disto que xa na túa infancia gustábache ler. Tiña por aquel entón Lituania boa base en libros infantís?

krize: si, podo sentirme moi orgullosa tanto por moi boa calidade e variedade de libros infantís nacionais, que me formaron dalgunha maneira.

Colixu: A literatura de centro Europa sempre foi moi rica en matices, como a de Lea Goldberg, e os ilustradores moi persoais. Crees que o teu estilo se pode englobar nun estilo centroeuropeo ou é moito máis global?

Krize: Realmente, na miña época de nenez non había posibilidade de ler ou atopar libros doutros países, porque non era posible saír a outro país, as fronteiras estaban totalmente pechadas para calquera influencia posible. Así que soamente limitábase aos libros nacionais e ilustradores nacionais. Despois, cando xa se abriron as fronteiras e chegou internet, realmente puiden entender e abrirme a varios estilos de ilustración e varios modos de ver a ilustración. Tiven sorte de poder comparar a vella escola e a liberdade da nova. Non quero porme etiquetas, nin pertencer a ningún país en particular, creo que o meu estilo é o meu mundo de ver, de contar e de sentir, máis aló da posición xeográfica, residencia e outros factores. Quen sabe de que país veñen as musas, cando veñen..? :)

De novo un sorriso o que correspondo, esta enquisa dame a min que vai ter moitos emoticóns
Colixu: Si, é difícil de saber de onde proveñen as musas, pero, non as inflúe ninguén en concreto? ningún autor clásico?

krize: Eu creo, que no meu caso - non...Quizais a mestura de cousas e factores, a arte en xeral que respirei cada día grazas ao meu avó, que me levaba aos mesmos museos (que non habían moitos) cada día da semana, os libros que me prestaban na biblioteca...Non me quedaba cos nomes, pero posiblemente collía algunhas cousas que me gustaban e catalogábaas como "isto gústame" ou "iso non me gusta" e quizais así se formou o meu estilo propio.

Colixu: Moi fresco si permítesmo. Entrando xa noutras cousas...Como planificas un libro como o da " A avoa do novelo branco?

krize: moi fresco que significa?

Un sorriso virtual pola súa parte

krize: nunca e entendido esa expresión :))))))

Colixu: Ben, que é algo orixinal e novo...non se ven moitos autores que ilustren dunha maneira parecida.

Krize: ah...:) ...Respóndoche á seguinte pregunta.
Antes de todo leo o texto e penso sobre os personaxes. Como serían? Que aspecto terían? Moitas veces, si é posible sempre penso nalgúns personaxes de semellantes características que coñecín. No caso de " A avoa do nobelo branco" tíveno moi claro; a avoa era xusto como a miña! Destas avoas con pelo branco, simpáticas, as que fan punto, cóntanche historias bonitas e son capaces de parar o tempo. O protagonista da historia tivo unha pequena anécdota:
Non sei porque pero pensei que era un neno, así que debuxei un neno e cando mandei a primeira proba á editorial, dixéronme que era unha nena :D Mellor! Así que debuxei unha nena e tamén... metín un gato, como un fedello, protagonista silencioso da historia. Pois así, decidín os personaxes - xa só facía falta axudar a ilustrar a historia e transmitir as emocións escondidas nela.
enrólome demasiado?

Colixu: Non muller, para nada, ao contrario é un pracer lerche. Nótase que che encanta o que fas. As fotos das texturas, falas ti non si? Logras un efecto moi elegante, sobre todo coas puntillas.

Agora o emoticon fai un aceno de quitar a suor

krize: algunhas as fago eu, outras as tomo prestadas de bancos gratuítos de fotos. Encántanme as texturas, creo que enriquecen moito moito a ilustración.

Colixu: Estou de acordo, aínda así non tes medo a sobrecargar as imaxes? Non é o caso, que conste, pero non pásoche nunca?

Krize: Medo non teño...a ilustración dixital ten unha vantaxe moi boa, que podes desfacela ata que parézache que lograches o efecto que querías. Así vas probando , pondo e quitando até cando queiras.

Colixu: aínda que ás veces os monitores enganan un pouco, non?
Pero volvendo ao libro. conseguiches o que querías ou sentes que podería quedar mellor?

krize: Eu creo que nos pasa a todos: que despois cando pasa o tempo ocórreseche algo, que poderías pór. Algún detalle ou algunha idea nova, que as persoas sempre tendemos a perfeccionar todo.

Colixu: Non todas, non todas. Esquecíaseme, déixame facerche esta pregunta antes de que se me esqueza.
Agora estanse facendo cousas moi interesantes a nivel cultural ( e especialmente en literatura) en Lituania, non?


Krize: Eu creo que se están facendo cousas moi interesantes a nivel global. Cada vez os ilustradores atrévense máis, hai editoriais especializadas en libros orixinais e fóra do común. Hai moito cambio intercultural e iso permite ampliar as posibilidades e enriquecerse mutuamente. A ilustración xa non ten tantas regras nin fronteiras, nin límites e o lector tamén está máis aberto ás novidades.
Falando sobre literatura en Lituania, eu distinguiría unha editorial especial, que se chama "Nieko rimto" (trad. "Nada serio") que apostou por libros bastante innovadores, diferentes e especiais aos poucos formando o seu propio público e até converterse moi querida tanto polos nenos como polos seus pais. Destacaría ao ilustrador Kestutis Kasparavicius (podedes atopar os seus libros traducidos a español como "Cosas que a veces pasan" ou "El cuadro desaparecido") foi galardoado con varios premios internacionais de ilustración

Colixu: entre eles o da feira de Bolonia

Si, e os seus libros foron traducidos a 16 idiomas.Así que me alegro por eses logros de ilustradores dun país tan pequeniño e moitas veces descoñecido. (http://www.niekorimto.lt/lt/produktai/knygos/)

Colixu: Para rematar e non darche moito máis a lata....que libro ou para que editorial gustaríache ilustrar e , si fas o favor, recoméndanos un libro

krize: Para min é unha honra ser entrevistada..:)
Gustaríame publicar dous libros meus (co meu texto e as miñas ilustracións) - un xa acabado e outro en proceso. Así que me encantaría que algunha editorial os adopte e publíqueos.

Colixu: Editores, xa sabedes...

krize: E recomendaría..."Te regalo un cuento"( http://teregalouncuento.blogspot.com/), escrito por Jorge Gonzalvo e ilustrado por Cecilia Varela (editorial Lóguez), porque é un auténtico tesouro.
grazas An, por esta entrevista tan bonita...:)


Colixu:  Aciu (grazas en lituano) aciu a ti por todo, foi un pracer falar contigo, como sempre. Agardo ansioso un libro da túa autoría.  

a charla seguiu por outros camiños, é o que teñen as boas conversacións, custa deixalas, pero tanto para min como para ela fíxose tarde así que terminamos volvendo dar as grazas mutuamente e, como non, con moitos emoticóns de sorriso

As imaxes forón cedidas por a autora e son Copyrigth © de Kristina Sabaite e Baía edicións 

btemplates

0 comentarios: